sábado, 17 de febrero de 2018

Sesión final. O debate


A derradeira clase foi unha sesión de debate conxunta na que nos volvimos a xuntar os dous grupos de linguas estranxeiras. Coma sempre comezamos cun Warm Up “Talking to a marcian”. Eu probara unha versión na que por parellas debiamos explicarlle a unha persoa moi maior sobre Youtube, Netflix, Instagram, etc. Paréceme unha actividade moi significativa (espero empregar ben o termo) e completa.

O debate xirou en torno a tres grandes “topics” o uso da lingua materna na clase de linguas estranxeiras, o uso do móbil na aula así como o das TIC ou TAC, que xa non lembro cal é o termo máis actualizado, e os deberes para a casa.
En canto ao emprego da lingua materna penso que se debe empregar cando sexa estritamente necesario. Paréceme importante que os alumnos se adapten á que durante a hora de lingua estranxeira se empregue a lingua estranxeira. Outra cousa é adaptar o nivel, ou puntualmente explicar algo en lingua materna. Eu comparto con Luz o emprego da lingua estranxeira fóra da aula. A miña profesora de francés falaba con nós na L.E fóra da clase (a menos que se tratase de algo complexo), e considero que para min era todo un referente, asúmese perfectamente que con esa persoa se fala unha lingua determinada, e creo que pode ser positivo ademais de darlle un sentido comunicativo mais ou menos real (fóra da aula) à materia que estás aprendendo. Do mesmo xeito que sendo auxiliar de conversa e me atopaba cos alumnos no corredor, no mercado ou na rúa sempre me falaban en español, creo que pode ser algo positivo sendo profesora de inglés ou de francés.

En canto ás outras dúas cuestións coido que deberíamos tirar pola ética aristotélica e intentar achegarnos ao xusto medio. Creo que é importante que saiban que as TIC son ferramentas que poden axudalos a estudar e a aprender. Tamén é importante que as saibamos manexar (tanto alumnado como profesorado) pero tampouco creo que sexan imprescindibles ou que non se poda facer innovación docente sen elas. Penso o mesmo dos deberes, nin exceso nin defecto. Todos tivemos algún profesor que nos atosigaba a deberes pero que non traballaba na clase. A min houbérame gustado dicir na sesión de debate que miña nai aprobou(me) plástica en 3º da ESO porque o profesor mandaba todo de deberes e na aula xogabamos ás cartas. Nunca debuxei nin medianamente ben, pero anos anteriores polo menos esforzábame, pois debía traballar na clase.
O que quero dicir é que os deberes deben reforzar ou consolidar o traballo da clase. Tamén me parece moi importante que saiban preparar na casa traballos pola súa conta, por exemplo à hora de preparar unha exposición oral, ou unha redacción. Que saiban empregar os seus materiais e tratar a información que se lles facilita, e nese sentido os deberes cumpren tamén a función de adestramento.

Xa digo, creo que un equilibrio é sempre un bo punto de partida.

Quero engadir á marxe de todo o que ten que ver co contido da materia que nestas semanas con Luz e Ana aprendín máis inglés que en anos no instituto. Moitas veces pregúntome si a miña escolla polo francés tivo que ver exclusivamente por como me ensinaron (tiven unha profesora excelente). ¿E se tivese sido igual en inglés? ¿Cómo sería hoxe a miña relación con esta lingua? É inimaxinable o que un profesor ou profesora pode chegar a influír na vida dun alumn@. Conclúo que esta profesión é unha enorme responsabilidade.

Ana et Luz, je vous remercie pour ces précieuses séances et à bientôt!

2 comentarios:

  1. O termo "actividade significativa" está perfectamente utilizado. Con respecto ás novas tecnoloxías, úsase TAC. TIC:Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. TAC:Tecnoloxías da Aprendizaxe e o Coñecemento.
    Moitas gracias a ti polo teu entusiasmo e ata cando ti queiras. Sorte nas prácticas!

    ResponderEliminar
  2. A idea de explicar algo a unha persoa maior (pode personalizarse si lle pides que pensen no membro da familia de maior edade!) paréceme guay!
    Cantas veces teño tirado da máxima aristoteliana de "in medio virtus"! Nunca me cansarei de recomendal.

    ResponderEliminar