sábado, 17 de febrero de 2018

Sesión final. O debate


A derradeira clase foi unha sesión de debate conxunta na que nos volvimos a xuntar os dous grupos de linguas estranxeiras. Coma sempre comezamos cun Warm Up “Talking to a marcian”. Eu probara unha versión na que por parellas debiamos explicarlle a unha persoa moi maior sobre Youtube, Netflix, Instagram, etc. Paréceme unha actividade moi significativa (espero empregar ben o termo) e completa.

O debate xirou en torno a tres grandes “topics” o uso da lingua materna na clase de linguas estranxeiras, o uso do móbil na aula así como o das TIC ou TAC, que xa non lembro cal é o termo máis actualizado, e os deberes para a casa.
En canto ao emprego da lingua materna penso que se debe empregar cando sexa estritamente necesario. Paréceme importante que os alumnos se adapten á que durante a hora de lingua estranxeira se empregue a lingua estranxeira. Outra cousa é adaptar o nivel, ou puntualmente explicar algo en lingua materna. Eu comparto con Luz o emprego da lingua estranxeira fóra da aula. A miña profesora de francés falaba con nós na L.E fóra da clase (a menos que se tratase de algo complexo), e considero que para min era todo un referente, asúmese perfectamente que con esa persoa se fala unha lingua determinada, e creo que pode ser positivo ademais de darlle un sentido comunicativo mais ou menos real (fóra da aula) à materia que estás aprendendo. Do mesmo xeito que sendo auxiliar de conversa e me atopaba cos alumnos no corredor, no mercado ou na rúa sempre me falaban en español, creo que pode ser algo positivo sendo profesora de inglés ou de francés.

En canto ás outras dúas cuestións coido que deberíamos tirar pola ética aristotélica e intentar achegarnos ao xusto medio. Creo que é importante que saiban que as TIC son ferramentas que poden axudalos a estudar e a aprender. Tamén é importante que as saibamos manexar (tanto alumnado como profesorado) pero tampouco creo que sexan imprescindibles ou que non se poda facer innovación docente sen elas. Penso o mesmo dos deberes, nin exceso nin defecto. Todos tivemos algún profesor que nos atosigaba a deberes pero que non traballaba na clase. A min houbérame gustado dicir na sesión de debate que miña nai aprobou(me) plástica en 3º da ESO porque o profesor mandaba todo de deberes e na aula xogabamos ás cartas. Nunca debuxei nin medianamente ben, pero anos anteriores polo menos esforzábame, pois debía traballar na clase.
O que quero dicir é que os deberes deben reforzar ou consolidar o traballo da clase. Tamén me parece moi importante que saiban preparar na casa traballos pola súa conta, por exemplo à hora de preparar unha exposición oral, ou unha redacción. Que saiban empregar os seus materiais e tratar a información que se lles facilita, e nese sentido os deberes cumpren tamén a función de adestramento.

Xa digo, creo que un equilibrio é sempre un bo punto de partida.

Quero engadir á marxe de todo o que ten que ver co contido da materia que nestas semanas con Luz e Ana aprendín máis inglés que en anos no instituto. Moitas veces pregúntome si a miña escolla polo francés tivo que ver exclusivamente por como me ensinaron (tiven unha profesora excelente). ¿E se tivese sido igual en inglés? ¿Cómo sería hoxe a miña relación con esta lingua? É inimaxinable o que un profesor ou profesora pode chegar a influír na vida dun alumn@. Conclúo que esta profesión é unha enorme responsabilidade.

Ana et Luz, je vous remercie pour ces précieuses séances et à bientôt!

Sesión Compartida: Reflexión e Actividade


Esta penúltima sesión xirou en torno a catro grandes temas. Por unha banda Luz falounos da relevancia das titorías e amosounos varias actividades interesante para desenvolver na aula. Pero o que me pareceu máis interesante son eses pequenos consellos para coñecer aos titorandos mediante esas pequenas dinámicas. Por outra banda, chamoume a atención a sensibilidade coa que nos presentou aos grupos PMAR. Quedou claro que hai que ter moi en conta as súas características e tratar de axustarse a elas, e tamén traballar a empatía.
Creo que unha dos principais problemas aos que nos imos afrontar como docentes nas primeiras experiencias (seguramente xa nas prácticas) é saber adaptarse ao nivel do alumnado, aprender a axustar as actividades para que sexan proveitosas e adecuadas (por suposto, hai que ter en conta as avaliacións iniciais). Ver exemplos reais de como se pode traballar nunha clase de PMAR creo que pode darnos unha idea de como adaptar algunhas actividades.
A segunda metade da sesión con Ana tratamos as seccións bilingües e o traballo cos auxiliares de conversa. A seccións CLILL/AICLE creo que polo momento véxoo unha camisa moi grande para levalo a cabo, aínda que persoalmente me parece algo moi atractivo e enriquecedor. Foi obxecto de debate noutras ocasións do máster sobre todo en canto á relación entre calidade da lingua e dos contidos, que parece ser que saen peor parados que no caso de seren impartidos en lingua materna. Eu creo que traballar nunha sección bilingüe pode ser moi interesante. O que descoñecía por completo era o feito de que se precisan estes proxectos ou seccións para contar con auxiliares de conversa. Tamén me entristece saber que estas persoas non se toman en serio o seu traballo, tendo en conta que é unha oportunidade magnifica para descubrir se se ten ou non vocación.
Como para min é relativamente recente a miña estadía como auxiliar vou a propoñer unha tarefa que levei a cabo por estas datas o ano pasado. Claro está que sería cun auxiliar francófono.

Tarefa con auxiliar de conversa:

Primeira parte: A auxiliar de conversación presentará unha festividade ou evento importante da súa rexión.
A profesora e a auxiliar buscarán dous documentos, un de comprensión oral (un vídeo) e outro de comprensión escrita sobre dito evento cos seus correspondentes exercicios que axudarán ao alumnado a organizar a información e a construír a tarefa. Poderáse dividir a clase para traballar o primeiro documento coa auxiliar e o segundo coa profesora, por exemplo.

Segunda parte: Deberán desenvolver unha pequena representación teatral na que se faga unha reportaxe sobre dito evento. Para iso terán que formase grupos de 5 ou 6 persoas nas que cada compoñenté terá que construír e interpretar un papel (presentador, reporteiro, turista, artista, experto…) que será da súa libre elección.
Unha vez que os grupos e os papeis estean repartidos elaborarán un guión a partires de toda a información traballada na clase e poderán valerse da auxiliar de conversación tanto para completar o seu guión, recibir ideas, correccións, etc.
Unha vez feito tamén ensaiarán a pronunciación coa auxiliar para por en práctica o xogo de rol. Dedicaríase unha sesión á representación final, á que serían libres de caracterizarse e empregar atrezzo, música, etc.

Coido que a tarefa ocuparía unhas 6-7 sesións dependendo do seu ritmo de traballo.
No meu caso fíxose con rapaces do equivalente a cuarto da E.S.O e o programa foi sobre o entroido e o “Oso de Salcedo”. Eu non estaba moi convencida ao principio, pero o día da representación había catro osos de Salcedo na aula ben caracterizados e uns cuantos máis ca cara tisnada. Creo que é unha tarefa que se podería levar a cabo coa axuda da auxiliar de conversa partindo sobre todo de que o imput sería un aspecto cultural do lugar de onde el ou ela proveña.

viernes, 16 de febrero de 2018

Terceira Sesión con Ana. O método


Esta terceira sesión foi adicada ao libro de texto. Coido que era importante pois é un material fundamental na ensinanza. Destacamos o seu valor como guía e tamén como exemplo para entrelazar as actividades e os contidos da clase. É unha fonte de recursos moi valiosa. Pero creo que a idea máis importante que saíu nesta sesión é que “o profesor ten que estar por encima do libro”. Ana propúxonos observar unha unidade didáctica e ir mudando algunhas das actividades, paréceme unha práctica interesante, aprender a modificar as propostas do libro. Sobre todo porque moitas veces poderemos encontrarnos con manuais que pola razón que sexa non se axeiten a nós como ensinantes ou simplemente non nos gusten.
Na segunda parte da sesión puxémonos mans à obra cos manuais para propoñer cambios na unidade didáctica que a profesora nos propuña. Eu teño que recoñecer que me resultou bastante complicado. Primeiro porque me gustaba como estaba formulada a unidade en si (sobre o cambio climático, libro de francés) e logo porque seguramente precisabamos máis tempo e acceso a outras fontes para poder comparar e mesmo adaptar algunha outra actividade. O certo foi que o libro me parecía bastante atractivo, tal vez un libro menos suxerinte poda dar lugar a maior creatividade por parte do profesor, o cal resulta un tanto paradoxal.
Creo que é interesante a versión electrónica (foi o meu primeiro contacto co libro electrónico), permite enfocar as tarefas de máis maneiras e creo que pode agregar máis dinamismo ás leccións.
De todas maneiras parécenme imprescindible empregar actividades fóra do libro.Véxolle moitos máis puntos fortes (motivación, interacción, habilidades) a todas as actividades que se nos foron amosando, tamén aos documentos auténticos. Non quero quitarlle mérito ao libro, pois é unha ferramenta útil tanto para o profesor como para o alumno (sempre pode acudir a el para consultar, estudar, etc) pero considero que un equilibrio entre o libro e outro tipo de actividades é moito máis proveitoso e de maior riqueza.


En canto ao artigo que debiamos ler de Russel Stannard, teño que recoñecer que empreguei o Google translator, polo que espero ter entendido ben a idea principal: Non é a tecnoloxía a que transforma a educación, senón o uso que se fai dela.
Resultan moi interesantes algúns exemplos que dá sobre as posibilidades educativas das capturas de pantalla, ou a parte na que fala de empregar formularios co fin de establecer diálogos entre alumnado e mestres. Todas estas posibilidades vense acertadas e factibles, tendo en conta todas as vantaxes que o autor do artigo enumera. Porén paréceme que polo momento existe un grande descoñecemento das mesmas. Fálasenos de transformación, ao mellor é o momento ideal para nós, os futuros docentes saibamos como empregalas. Non se trata de coñecer unhas aplicacións ou outras senón de saber cómo podemos sacarlles partido. Cando Stannard di que non ve tantos avances na educación coido que é en parte por iso, habería que cambiar un montón de hábitos pedagóxicos e non sei si estamos preparados para esa grande transformación.

lunes, 12 de febrero de 2018

Reflexión sesión 3 e Actividade competencia escrita.



A terceira sesión con Luz consagrouse á expresión escrita. Sempre que pensamos nesta destreza parece que xa nos entra a pereza pois asociamolo sempre ás mesmas actividades. Pero unha vez máis luz demostrounos que podemos partir de imputs moi divertidos aos que sacarlles un grande rendemento. Unha das primeiras cousas a ter en conta é en que momentos escribimos, creo que é un acerto que a profesora nos fixera reflexionar sobre a importancia de escribir na vida real para que podamos telo en conta á hora de elixir as actividades de expresión escrita.
Para comezar o Warm up que nos amosou “I’m a tree” podería ter dado lugar a unha bonita actividade escrita. Gustoume moito a actividade do poema, pero sen dúbida a que máis me gustaría por en práctica é a dos “cinco sentidos”, paréceme moi creativa ademais de achegarnos ao universo dos alumnos, aos seus gustos e sensibilidades.
Tamén me chamou a atención a actividade “My hair story” porque recolle unha vez máis a personalización sen ter que recorrir ao que fixeches o verán pasado e que ademais permite enfocala de diferentes formas, contar a súa historia en primeira/terceira persoa, engadir fotos, humanizar o propio pelo, etc.

A actividade escrita que propoño é a escritura individual dun horóscopo, cada alumno terá unha tarxeta co horóscopo que debe completar. Poderíase dar a elixir entre un horóscopo normal e un horóscopo catastrófico ou negro. Para que cada quen poida escribir o seu propio (24 tarxetas por exemplo). Logo podemos facer unha posta en común nunha cartolina onde pegaremos cada un dos signos para que todos podan ler o seu, sexa en versión seria ou cómica. Tamén poderíamos recorrer a un documento google ou a un padlet.
Creo que se pode adaptar a distintos niveis variando as instrucións e adaptándoas aos seus coñecementos.  Por exemplo, pódense ceñir exclusivamente aos exemplos ou tamén dentro da propia ficha pódese escribir o encabezado de cada un dos puntos a completar.

 
Imaginez que vous écrivez l’horoscope dans un journal ou une magazine.

  • Décrivez l’état d’esprit de la personne: vous vous trouvez fatigué, triste, amoureux, etc.
  • Donnez au moins trois conseils pour améliorer le moral de cette personne: il faut que, tu dois, sortez! (l’impératif)
  • Indiquez les prévisions selon le signe du zodiaque: amitié, amour, argent, santé, études
  • Recommandez de porter une couleur: le rouge t’apportera du bonheur!
  • Ajoutez un peu d’imagination et beaucoup d’humeur!


domingo, 11 de febrero de 2018

Segunda sesión con Ana. Comprensión Escrita


A sesión adicada á comprensión escrita foi moi interesante. Por suposto, recordóusenos que non é adecuado hoxe en día separar as catro destrezas pois seguramente sempre estaremos traballando máis de unha.
Creo que é moi importante tratar a recepción en todo o que ten que ver ca lectura, pois a mensaxe completase de sentido cando chega á persoa que a recibe e esta é capaz de interpretala. Por outra banda é moi importante que como profesores fagamos fincapé no feito de que non é preciso entender todo ao mesmo xeito que na destreza da comprensión oral, pois na vida real tampouco é imprescindible coñecer o significado de todas as palabras. Debemos insistir en que se trata dunha aprendizaxe paulatina e potencialmente perfeccionable.

Actividade Ana
Unha das actividades que probamos na clase foi o texto que Ana nos preparou con palabras imposibles, pois non existían. Chamoume especialmente á atención e pareceume moi útil para ensinar ao alumnado a tolerar aquilo que descoñecen e centrarse no que sí se pode extraer do texto, sexa por comprensión xeral ou por palabras clave que o axuden a dar sentido ao texto. Do mesmo xeito que ocorre coa comprensión oral (á que se pode axudar con actividades de preescoita, imaxes, mímica, dependendo do contexto) este tipo de entrenamento ao reading creo que facilita que o alumnado este máis predisposto a entender e que o incita a buscar a súas propias técnicas de comprensión e aprendizaxe.
En segundo lugar, a comprensión escrita parecíame seguramente a destreza máis difícil de tratar pois normalmente enfócase cara a lectura colectiva ou individual dun texto e ao traballo do mesmo a través de preguntas. Pero as actividades que nos ensinou Ana foron do máis dinámicas, por exemplo, facer dun texto un quebracabezas ou tratar técnicas diferentes para a comprensión das letras das cancións, documentos que a min persoalmente me gustan moito e me parecen moi útiles na aprendizaxe de linguas e que como alumna só podía desfrutar o día antes da entrega de notas. Agradezo que a profesora nos facilitara tantas actividades para traballar con cancións, ademais de outros materiais moi riquiños, como o tabú ou os seus sobres-temas de conversa. Dígoo así porque se tratan de materiais moi vistosos, se cadra máis próximos ao xogo e tan válidos como calquera libro de texto, tema de reflexión na seguinte entrada.
Pareceume unha sesión moi útil e que nos abre un grande abanico de posibilidades à hora de tratar a comprensión escrita, e de como relacionala con outras competencias.

lunes, 5 de febrero de 2018

Primeira sesión con Ana. Comprensión Oral


 Ao igual que na primeira entrada consagrada ás sesións con Luz quero destacar a importancia que ten para nos como futuros docentes contar coa vosa presencia, experiencia e saber facer. Resúltanos moi útil ter acceso a ferramentas e técnicas que nos poden axudar tanto para empregar como para adaptar ou simplemente como inspiración para crear novas actividades. Non menos importante é que se nos indiquen cales son os resultados para ir sobre o seguro.

Na sesión traballamos fundamentalmente con actividades centradas na comprensión oral, a profesora presentounos moitos materias para poder empregar na aula e tamén puxemos en práctica un bo numero deles. O que permite (como tamén comentei nas entradas de Luz) que vivamos o seu funcionamento e que coñezamos as sensacións que despertan ditas prácticas.

Un aspecto moi destacable paréceme a insistencia nas actividades de preescoita. Se cadra nós estabamos habituados a levarnos unha sorpresa cando faciamos un exercicio de listening por exemplo nos exames e o certo é que adicar un tempo á preparación da comprensión oral é moi positivo porque á medio prazo favorece a tolerancia á comprensión doutras linguas. Coido que hai que insistir neste feito, en favorecer sempre a predisposición do oínte á comprensión. Pois logo na vida real, ocorre deste xeito, non estamos preguntando o significado de todo aquilo que non entendemos senón que se tende a favorecer a comunicación e a espontaneidade.

A actividade do runnig dictation probeina nun curso de inglés do que era alumna. Na miña experiencia faciámolo por parellas e tiñamos o texto do ditado fóra da aula. Debiamos correr-memorizar-correr-dictar-esperar-escribir-correr e así ata rematar o pequeno texto que logo tiñamos que corrixir uns aos outros comparando os erros. Non sei si deste xeito se podería levar a cabo nunha aula por causa do ruído pero ao igual que a actividade que fixemos nunha sesión posterior (a dos homófonos) vinlle como punto positivo que anima ao alumno a facer un grande esforzo na pronunciación. E aínda que esta entrada se corresponde coa sesión de comprensión oral, queda demostrado que como ben insistiu Ana, as catro destrezas non teñen sentido por separado.


Quédome sobre todo coa “mochila” da que nos falou Ana, este é para min un dos aspectos máis importantes. Non sei si ela se refire a materiais máis ben físicos pero dende logo o que polo momento vimos na aula xa pode facer parte desa bagaxe. Creo que engloba e resume todos os conceptos levados a cabo, input, minimax, gap, exemplos de Warm Up, etc Pois demóstranos que podemos empregar infinidade de técnicas na aula se temos claro que queremos conseguir.

martes, 30 de enero de 2018

Actividade foto. Luz

Il était une fois....
  1. Observer la photo et décrire cette personne, physique e psychologiquement, son expression.
  2. Faire des hypothèses sur son identité, son métier, ses gouts, son époque.
  3. Observer la vidéo 
  4. Observer la vidéo une deuxième fois et répondre aux questions suivantes:
    C.O: Il était une fois. Chapitre 5

    Vrai ou Faux?
    Elle est née à Saumur. V/F
    Elle était aristocrate. V/F
    Son père est parti faire carrière en Amérique. V/F
    Elle est fascinée par le baroque, l’or et les pierres de couleurs. V/F
    Elle a deux métiers: le jour elle fait la cuisine et le soir elle chante dans un cabaret. V/F
    Son surnom était “Coco” parce qu’elle chantait souvent la chanson “qui qu’a vu Coco”. V/F
    Elle s’inspirait des habillements masculins. V/F
    Son grand amour était hollandais, riche et artiste. V/F
    Elle voulait travailler pour gagner beaucoup d’argent. V/F
    Elle révolutionne le monde de la mode. V/F
    Elle ouvre sa première maison de couture en 1928 à Paris. V/F

  5. Á ton tour! Imagine que tu es en 2070 et c’est le moment d’écrire tes mémoires. Écris ton autobiographie et imagine le reste de ta vie. Tu peux y inclure tes qualités, les événements les plus importants, les difficultés à surmonter, les réussites, les voyages…On peut utiliser des illustrations, des photos…
A actividade está pensada para bacharelato. A temporalización serían uns 10-15' para os puntos 1 e 2. Uns 15' para o exercicio de comprensión oral por si fose precisa unha terceira escoita. 10' para posta en común correción e comentarios (algunhas das preguntas poden dar lugar a comentarios) e explicación e comezo da seguinte tarefa.

Sesión 2. Luz


Na segunda sesión con Luz por fin souben para que se empregaba o noso dato curioso! Pareceume unha actividade moi divertida e que espero probar algún día. Por non falar da actividade das diferencias do papel. Non sabiamos se tiñamos que devolvelo ou non, por iso ao mellor non demos conseguido todas as características pero creo que a ensinanza máis importante é o feito de facilitar que as persoas máis tímidas ou con menor desenvoltura participen e teñan a oportunidade de non equivocarse. Pareceume unha lección a ter moi presente.
Creo que é de valorar tamén as advertencias da profesora en canto ao traballo por proxectos, pois insistíusenos na aprendizaxe baseada en proxectos pero por suposto non é o mesmo planificar unha idea que levala a cabo. Nese sentido agradecese que se non poña os pés na terra.

O resto da sesión consagrouse á produción oral. Baseouse en amosarnos un grande numero de prácticas diferentes para crear actividades de expresión, que como destaquei na entrada anterior é para nós moi importante que a profesora nos facilitar ideas e materiais tendo en conta sempre o enfoque comunicativo e as características que debe ter unha actividade. Todos os materiais me parecen de grande axuda e tamén se corresponden co concepto explicado na clase de Minimax. Son actividades que poden dar moito de si e facilmente reutilizables, pois os resultados que se esperan son sempre diferentes e persoais.

En canto á actividade que tivemos que deseñar, quixera dicir que como auxiliar de conversa empreguei en varias ocasións fotos persoais, por exemplo da miña familia, da miña mascota. Incluso nunha ocasión mentres estudaban a roupa presenteilles o traxe rexional galego nunha foto de cando era nena e o certo é que lles encantou. Porén,para a actividade elixín unha foto que a min me gusta moito (no canto de pensar nos gustos do alumnado). Gustaríame engadir que pensei nesta actividade influenciada tamén pola miña experiencia en Francia, onde un dos grandes temas para o exame de acreditación de nivel de lingua en bacharelato son “os mitos e os heroes”. Era un tema moi traballado sobre todo á hora de facer debates e que en xeral tiña moi boa acollida.

Actividade por competencias. Luz


Il n’y a pas de questions bêtes.
Revisando a unidade didáctica que debiamos facer no módulo común, puiden comprobar que ningunha das actividades propostas por min incluía a competencia matemática por iso me gustaría que a actividade proposta para esta sesión se centre nela. A actividade é fundamentalmente unha comprensión oral baseada na premisa de que non hai preguntas tontas, pois no documento que imos a empregar amosase que hai persoas que se gañan a vida resolvendo este tipo de preguntas. A actividade pode ser introducida cun brainstrom a raíz da palabra “youtube”. Pódeselle preguntar ao alumno qué palabras coñecen en relación con este espazo Web, ata chegar à profesión de youtuber. Logo a profesora introduce como nunha canle de Youtube se pode encontrar a un experto en resolver de xeito riguroso preguntas “tontas” do tipo:
 

 
Combien de temps faut-il pour vider un stylo bic?

 Qu'en pensez vous?






C.O.Regardez la vidéo pour compléter les questions suivantes:
 
  • Combien de pages peut-on écrire avec un bic?
  • Combien de lignes?
  • Combien de mots?
  • Combien de kilomètres?
  • Combien d’heures nous font pour finir l’encre d’un bic?

 
Regardez la vidéo une autre fois pour compléter les questions suivantes, (vous pouvez travailler en couple):
 
  • Combien de cachiers utilise le youtuber pour réaliser son expérience?
  • Combien de pages ont les cahiers?
  • Il prend combien de jours pour réaliser son expérience?
  • Et combien d’heures?
  • Il écrit sur quels sujets dans les cahiers?
A primeira parte apoiase en material visual por iso non creo que sexa preciso dar opcións. A segunda poden facelo por parellas para axudarse a recopilar a información.
Por outra banda creo que se pode incluir a competencia cultural pois, o video inclúe un rexistro máis ben coloquial e poderíanse aproveitar varias expresións: Les questions cones, Se niquer la main, défonser la main, ça me soule ce truc!, les nuls, c'est parti!.
Tamén podemos falar de dous grandes inventos da historia para cerrar a actividade:

Pourquoi le bic s’appelle comme ça? Pour toi quelle est l'invention la plus importante, le Youtube ou le stylo?

Primeira sesión Luz. As competencias


O primeiro que quero destacar é a importancia que ten para nos que Luz e Ana, profesoras de secundaria, compartan nas aulas a súa experiencia e saber facer. Creo que era imprescindible e desde logo moi útil.
O comezo da sesión onde a profesora recompilou os nosos datos (“curiosos”) levantou a nosa expectación, pasei dous días desexando saber para que podería ser empregado.
O concepto de Warm-up paréceme imprescindible á hora de preparar a atmosfera na clase, para que sexa distendia e favoreza a participación, tan fundamental para a aprendizaxe de linguas.
Valorei moito que a primeira clase se estruturara en función das competencias,pois en xeral tiña claro que as competencias que traballaríamos en tanto que docentes serían ligüística por suposto e conciencia e expresións culturais, se cadra tamén as sociais e cívicas. Pero para o resto das competencias non tiña moi claro como incluílas dentro das actividades por iso me pareceu moi útil ter un exemplo concreto de cada unha delas para entender como se poden integrar.

Agradecese que a formación se achegue o máximo posible à práctica. Mentres que aprendemos as técnicas ou ferramentas que se nos amosan tamén comprobamos cal é a sensación que producen, sendo motivantes e dando unha idea real de como poden funcionar na clase e en que contexto se poderán empregar. Agradécese tamén que Luz comparta con nos actividades que levou a cabo con éxito, por exemplo a entrevista feita por dúas rapazas a uns turistas ingleses deume que pensar, porque moitas veces de xeito inconsciente sentímonos limitados por unha especie de pantasma que nos dí que non nos podemos saír do guión á hora de propoñer certas actividades, e sucede o mesmo (se cadra peor) cando se trata de ser alumno. Gustoume moito a insistencia da profesora en dar sempre opcións ao alumnado para que cada quen traballe do xeito no que se sinta máis a gusto.

Para concluír, gustaríame nomear “a mochila” da que nos falou Ana. Sinceramente, era o que máis me motivaba a facer este máster, adquirir estratexias e materias que nos podan orientar e axudar no ensino das linguas.

viernes, 26 de enero de 2018

Diario das sesións con Gonzalo


As actividades propostas para esclarecer os conceptos referentes ao contexto de adquisición e de uso da lingua parecéronme acaídas. Porén eu non tiña moi claro as diferenzas e custoume identificar sobre todo nos exemplos de uso cales eran as linguas a empregar. Máis concretamente no exemplo da profesora castelán falante que debe dar a materia na súa lingua. Todos os do grupo tivemos claro que sería en castelán pois a nosa experiencia dicíanos que sempre tendemos a empregar a lingua na que nos sentimos máis cómodos. Eu vivín este mesmo exemplo, unha profesora de historia castelán falante.
Pareceume moi interesante o estudo das etapas da aprendizaxe de lingua, coido que é moi útil para enfrontarnos á unha determinada idade á hora de ensinar un idioma, pode ser un bo criterio á hora de elixir certos métodos ou actividades.
Foi unha pena non poder tratar máis en profundidade o tema da motivación, pois ao longo do máster insistíusenos moito neste factor. Definiuse e tamén se explicaron os diferentes tipos mais teño a sensación de non ter suficientes ferramentas como para aprender a traballala.
O que me chamou moito á atención é o concepto de interlingua “expresión dunha competencia transitoria”, un sistema lingüístico transitorio entre a primeira lingua e a segunda. Unha lingua que o individuo vai construíndo de xeito natural e mudando constantemente. Por suposto este proceso é moito máis claro en situacións de inmersión lingüística, onde a aprendizaxe da segunda lingua se ve favorecido. Creo que é un concepto de grande valor porque sempre se pensa nos resultados e se lle concede menos importancia ao proceso, ademais entendo que aquí se pon en consideración a competencia de aprender a aprender porque o individuo de xeito mais ou menos inconsciente aprende sobre o sabido, sexa por erro, contraste, aproximación, imitación. Parecceme unha noción moi acertada e moi real.

Dosier das sesións con Gonzalo


Comezamos a primeira sesión desta materia cun diagrama de Venn, para tratar de resolver cales son as semellanzas e diferenzas entre a lingua materna e a lingua estranxeira.
Unha vez introducido o tema a través desta actividade o profesor explicou as diferenzas entre lingua inicial, lingua segunda e lingua estranxeira tendo en conta o contexto de adquisición. A explicación deu lugar a numerosas preguntas pois consideráronse algúns casos hipotéticos onde as diferenzas non estaban moi claras.
Logo o profesor propuxo unha nova actividade para falarmos do contexto de uso da lingua. Para iso, propúxonos unha seria de situacións nas que tiñamos que debater por grupos cal era a solución.
Nesta ocasión empregamos Placemat activity, onde cada membro do grupo expuxo a súa opinión antes de facer a posta en común.
A raíz destes exercicios establecéronse as diferenzas entre lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular ou franca. Despois relacionáronse todos estes conceptos de lingua co seu ensino introducindo novos tipos de didáctica de lingua (FLM, FLE, FOS, AICLE).

En canto á segunda sesión, comezamos elaborando o repertorio lingüístico da nosa aula para diferenciar as nocións de Comunidade Lingüística e Comunidade de Lingua.
Retomamos os conceptos vistos na sesión anterior para completar un exercicio en GoogleDocs con varios casos tamén hipotéticos onde tiñamos que sinalar que metodoloxías de ensino eran as máis adecuadas en función do alumnado.
Estudamos as posibles variables do propio alumando e o profesor explicou a importancia das distintas etapas e características da cognición das linguas en función da idade.
Despois fixemos un debate piramidal no que discutimos a influencia da primeira lingua na aprendizaxe da segunda lingua. Finalmente chegamos ao concepto interlingua.

Amais, dedicamos un tempo ao remate da sesión ao concepto de motivación distinguindo os diferentes tipos con varios exemplos, así como tamén á Teoría da Multicompetencia.