domingo, 31 de diciembre de 2017

Comentarios en blogs



Engado os enlaces aos bloges dos compañeiros aos que lles deixei un comentario:
Marian, Andrea, Mariña, Olalla, Sixto.









TEMAS 7-8 (Diario): Sistemas educativos. Metodoloxías


En canto ao debate piramidal é significativo que non exista na educación conexión entre as linguas posto que moitos dos contidos se repiten e sería mais proveitoso para todos establecer vínculos en temas puramente lingüísticos como sería por exemplo o emprego de conetores, a estrutura dos textos, etc Paréceme un erro non establecer relacións entre as linguas xa que é contraproducente para alcanzar ese desexado multilingüísmo. Debe ser o docente que ensine a facer conexións entre as linguas, sexan propias ou estranxeiras e mesmo entre as estranxeiras.

O debate deu pé a exposición do Proxecto Lingüístico de Centro a cargo da nosa compañeira Olalla. Chamoume a atención que fixese fincapé na explicación da súa estrutura, primeiro na definición dos obxectivos , logo e especialmente na avaliación e diagnose para finalmente por en marcha a actuación do proxecto no terceiro cuadrimestre, dándolle grazas a eses obxectivos e avaliación unha grande precisión e concreción. Tamén me parece importante que sexa un proxecto plurianual, pois así poden constatarse os resultados.

O EECL presentado por Marian é a evidencia do que ocorre en España en canto á aprendizaxe das linguas estranxeiras. De novo unha visión un pouco pesimista en canto ao posto que ocupa no ranking en ensinanza. Por outra parte grazas ás presentacións dos compañeiros puidemos ver como funcionan outros sistemas educativos. Mentres que o sistema finés é todo un exemplo, ou mais ben unha fonte de inspiración os outros sistemas como o Coreano e o Xaponés aínda que teñan moi bos resultados non me pareceron nada atractivos porque se basean nun sistema demasiado competitivo. Porén si me parece importante a dimensión de aprender a ser do sistema xaponés así como tamén aprender a facerse responsable do seu medio. Pareceume interesante que se resaltase na clase a dimensión cultural dos sistemas educativos, xa que non todo é aplicable en todas partes.
No tocante ás metodoloxías non me parece que haxa algunhas mellores ca outras. Como vimos a súa evolución vai respondendo a unhas necesidades concretas, todas me pareceron útiles e interesantes dependendo de para que. Creo que todas se poden empregar nun momento dado. Mesmo facendo as actividades, moitas das características que definen un enfoque son compartidas por dúas ou tres metodoloxías diferentes. Creo que o importante é non centrarse nun único método, tendo en conta o grande abanico de posibilidades que hai no ensino de linguas estranxeiras. Un enfoque do que desfrutei moito é o método do silencio, non o coñecía pero creo que sí se pode poñer en práctica en certos momentos para a instrución de certos temas. Gustoume porque creo que os aspectos non lingüísticos poden ser útiles á aprendizaxe das linguas, dende o punto de vista da desinhibición ou para pensar máis rápido, por exemplo.

Gustoume moito esta sesión, pareceume moi completa e moi ben fiada en canto aos contidos e as presentacións.

Actividades: Sesión virtual

SESIÓN VIRTUAL


ACTIVIDADE 1, Enfoque natural:

Trátase dunha actividade introductoria para a aprendizaxe de vocabulario e estaría pensada para un nivel A1. Sería aplicable a calquera outro léxico.

Bingo das profesións
Trátase dunha actividade enfoque natural mediante o cal se presenta ao alumnado novo vocabulario por medio de dous xogos.
O rol do profesor será de mediador e tamén porá atención en canto á pronunciación do alumnado.
O profesor entrega tarxetas a cada alumno con 16 imaxes (ata 21 tarxetas diferentes con 30-35 imaxes ) que contan coa palabra que define a profesión que se representa. Nunha Bolsa aparte encontranse todas as profesións que poden saír nas tarxetas e pídese a un alumno que lea as profesións mentres os demais van tachando as que escoitan.
A segunda parte da actividade consistiría en facer un tabú. O alumno ten unha tarxeta onde se describen as aptitudes (Il faut, on doit, il est nécessaire) necesarias para levar a cabo esa profesión. 
A raíz da descripción os compañeiros deberán adiviñar de que palabra se trata. Nesta actividade introducirán as expresións para expresar a obriga e a necesidade.

Bloques de contidos
  • B1.1. Uso de estratexias de comprensión das mensaxes orais
  • B1.3. Perseveranza no logro da comprensión oral, reescoitando o texto gravado ou solicitando repetición ou reformulacións do dito
  • B5.1. Patróns sonoros, acentuais, rítmicos e de entoación básicos.
  • B5.4. Plurilingüismo: Identificación de similitudes e diferenzas entre as linguas que coñece para mellorar a súa aprendizaxe e lograr unha competencia comunicativa integrada.
Criterios de avaliación
  • B1.1. Comprender preguntas e informacións relativas á información persoal e pública moi básica (identificación persoal, gustos, etc.), así como instrucións e peticións elementais relativas ao comportamento e actividades na aula.
  • B2.1. Pronunciar de xeito intelixible, aínda que se cometan erros de pronuncia polos que as persoas interlocutoras teñan que solicitar repeticións para entender a mensaxe.
 Estándares de aprendizaxe
  • SLEB2.1. Na maioría das actividades de aula, amosa unha actitude positiva polo uso da lingua estranxeira en diferentes situacións comunicativas, esforzándose por utilizala aínda que teña que recorrer a outras linguas para pedir axuda ou aclaracións.
  • SLEB1.3. Comprende o sentido global e a información máis salientable de textos orais procedentes de medios audiovisuais ou de internet, breves como instrucións e comunicados, con estruturas previamente traballadas, léxico moi común relacionado con necesidades inmediatas e accións presentes moi habituais, sempre que se fale de xeito moi pausado e ben articulado, e poida volver escoitar o dito.
     

    ACTIVIDADE 2: Método audiolingüe

    Esta actividade tería como obxectivo traballar a hipóteses e o condicional. Está pensada para un nivel B1.
    A metodoloxía que imos a empregar é a audiolingüe. Como este método se basea no estruturalismo lingüístico, o obxectivo fundamental será aprender a estrutura para expresar hipóteses por medio de repeticións. Para levar a cabo a actividade comezaremos escoitando a canción “Si” de ZAZ e darémoslle ao alumnado a letra da canción para que podan atopar e analizar os tempos verbais. Ademais deberán separar en columnas os tempos verbais da canción en imperfecto e condicional para esquematizar a teoría e desenvolver a actividade final que consistirá en construír un pequeno diálogo no que expresen hipóteses .
    Exemplo:

    -Se tiveses un millón de euros que sería o primeiro que farías?
    -Se tivese un millón de euros viaxaría por todo o mundo. E ti? Se foses un superheroe que poderes che gustaría ter?


    Deberán incluír no diálogo como mímimo 4 preguntas e 4 respostas. Finalmente, representarán o diálogo diante dos compañeiros.

    Bloques de contidos específicos

    • B1.1. Estratexias de comprensión: Mobilización de información previa sobre o tipo
      de tarefa e o tema. Identificación do tipo textual, adaptando a
      comprensión a el. Distinción de tipos de comprensión (sentido xeral,
      información esencial e puntos principais).
    • B2.2. Actitude de respecto cara a si mesmo/a e cara ás demais persoas, para comprender e facerse comprender
    • B5.7. Estruturas sintáctico-discursivas propias de cada idioma
    Avaliación

    • B1.1. Coñecer e saber aplicar as estratexias máis adecuadas para a comprensión do sentido xeral, a información esencial, os puntos e as ideas principais ou os detalles relevantes do texto.
    • B2.5.Intercambiar información e opinións, dar instrucións, describir e narrar acontecementos sinxelos, xustificar brevemente os motivos de accións e planos, formular hipóteses, facer suxestións e argumentar de xeito sinxelo, aínda que se produzan pausas para planificar o que se vai dicir e, en ocasións, haxa que formular a mensaxe en termos máis sinxelos e repetir ou reelaborar o dito para axudar á comprensión da persoa interlocutora
    Estándares de aprendizaxe

    • SLEB1.1. Nas actividades de aula, persevera no seu proceso de comprensión, axustándoo ás necesidades da tarefa (de comprensión global, selectiva ou detallada) e mellorándoo, de ser o caso, facendo anticipacións do que segue (palabra, frase, resposta, etc.) e inferindo o que non se comprende e o que non se coñece mediante os propios coñecementos e as experiencias doutras linguas

    • SLEB2.4. Participa en conversas informais, cara a cara ou por teléfono, ou por outros medios técnicos, sobreasuntos cotiáns, nas que intercambia información e se expresan e xustifican opinións brevemente; narra e describe feitos sinxelos ocorridos no pasado ou expresa brevemente plans de futuro; fai suxestións; pide e dá indicacións ou instrucións; expresa e xustificasentimentos de xeito sinxelo, e describe con certo detalle aspectos concretos de temas de actualidade moi coñecidos ou de interese persoal ou educativo
    Competencias clave
    Aprender a Aprender, Competencia lingüística, Conciencia e expresións culturais

TEMA 7 e 8 (dosier): Sistemas educativos. Metodoloxías


Esta sesión comezou cun debate piramidal para reflexionar sobre si na nosa experiencia en secundaria existía conexión entre as linguas propias e as estranxeiras. Resultou sinxelo poñerse de acordo en que non houbo tal conexión.
O debate deu pé a exposición do Proxecto Lingüístico de Centro a cargo da nosa compañeira Olalla. Pareceume moi interesante e foi unha pena non poder deternos máis nas súas explicacións.

Despois a nosa compañeira Marian presentou o Estudio Europeo de Competencia Lingüística (EECL)onde se analiza a situación e os resultados das linguas estranxeiras no sistema educativo, centrándose por suposto no nivel que ocupa España con respecto ao resto de países da Unión. É interesante ver como o nivel de segunda lingua estranxeira está por encima da media mentres que na primeira lingua non é así.

Nesta presentación introducíronse como era de esperar estatísticas que permiten comparar os resultados con outros sistemas educativos. As seguintes presentacións feitas en clase foron análises dalgúns destes sistemas:
  • O sistema educativo en Finlandia
  • O sistema educativo en Corea do Sur
  • O sistema educativo do Xapón
Todos eles moi interesantes, con grandes diferencias entre eles e con respecto ao noso sistema e tamén moi marcados pola súa cultura.

A seguinte parte da sesión estivo adicada ás diversas metodoloxías do ensino de linguas. Comezamos cun pequeno percorrido histórico acerca da aparición das mesmas. Logo a nosa compañeira Raquel elaborou unha presentación na que facía unha comparación moi útil para entender as características das metodoloxías gramática-tradución e o método directo.



Logo realizamos unha actividade consistente en analizar unha unidade didáctica dun libro de texto, concretamente a Unidade 5 do método “Beyond” nivel A2. Para proceder ao seu análise empregamos a “técnica de puzzle” a cal consiste en dividir o traballo entre os diferentes membros do grupo, neste caso debiamos encargarnos cada membro dunha das seguintes partes: recepción, produción, gramática, léxico e fonética e entoación e despois cada membro do grupo debe xuntarse con aqueles membros doutros grupos que fixesen a parte do traballo para facer unha posta en común. Finalmente retornase ao grupo inicial e explicáselle aos compañeiros a comparación feita cos membros dos outros grupos. O noso método era comunicativo e as catro destrezas estaban interrelacionadas ao longo da unidade.
Rematamos a sesión coas presentacións de Natalia, quen puxo en práctica con nós o Método do silencio e a de María que nos propuxo un novo enfoque en canto á aprendizaxe baseada en proxectos: Sería posible esta metodoloxía na EOI?

viernes, 29 de diciembre de 2017

TEMA 6 (diario): Edulingüe CLIL/AICLE


Como se sinala no dosier, adicamos unha parte da sesión á lectura e análise do plan EDUlingüe. Algunha das criticas comentadas na clase foron por exemplo como é posible esixir un B2 ao rematar bacharelato se o habitual hoxe en día é ter un nivel (real) A2. Polo que respecta ao profesorado, como o 30% deberá xustificar un C1 cando unha persoa adulta dificilmente pode chegar de un nivel A2 a un C1. En definitiva, que todos estes cambios en canto aos niveis de lingua precisan tempo e compromiso. Como posible solución comentouse que o lóxico sería implantar este plan dende a etapa infantil, así os cambios serían coherentes e progresivos.
Tamén se deu unha visión un tanto pesimista en canto ao enfoque lúdico e se criticou a inversión en auxiliares de conversa. Eu non estaba moi de acordo, creo que pode ser unha figura moi útil en canto que o alumnado se vexa en situacións lingüísticas reais e tamén pode ser un apoio para metodoloxías AICLE/CLIL, as cais comentarei máis adiante.
Un dos aspectos que a min me parece importante é o feito de poder acreditar os niveis de lingua, creo que é algo urxente e que à larga daría calidade à ensinanza de linguas. Outro aspecto moi positivo na miña opinión son as inmersións no estranxeiro para o alumnado. Algo que tamén sería a ter en conta para o profesorado. Plantexouse na clase que a formación do profesorado de linguas estranxeiras non ten que ver soamente coa innovación senón tamén con posibles períodos de inmersión lingüística que lle permitisen manterse reciclado.
En conclusión recollo unha expresión que empregou o profesor na aula “evitar a fosilización dos erros”. Insistiuse na importancia que ten a avaliación deste tipo de estratexias, non no sentido de porlles unha nota senón en analizar que se pode mellorar e tratar de atallar os puntos febles, pois parece ser que o plan EDUlingüe é a continuación doutro plan que acabou sendo papel mollado. Non serve establecer propostas de potenciación de linguas se logo non se levan a cabo coa eficacia pertinente. A visión global da aula foi que os obxectivos do plan edulingüe son imposibles de alcanzar en 2020. 


Por outro lado, o enfoque CLIL/AICLE/EMILE foi percibido como unha posible solución ao problema da temporalización das linguas estranxeiras no currículo. Defínese como a aprendizaxe integrada de contidos e linguas estranxeiras e consiste en desenvolver recursos, estratexias e destrezas de lingua en áreas non lingüísticas.
Na miña presentación o enfoque AICLE levouse a cabo baixo a forma dun proxecto lingüístico entre varias materias (lingua estranxeira, lingua e literatura española e as ciencias) e mesmo entre dous centros. Tal e como estaba plantexado pódenselle atribuír numerosas vantaxes:
  • Favorece a aprendizaxe significativa
  • Favorece a aprendizaxe colaborativa
  • Fomentan a atención á diversidade
  • Permite flexibilidade no emprego da lingua estranxeira
  • Favorece as estratexias de andamiaxe
E ademais este proxecto é na miña opinión moi atractivo para o alumnado traducíndose este factor nunha alta motivación e participación.

Porén, non foi recibido como a panacea. Existen varios motivos polos que a metodoloxía AICLE non é un enfoque ideal. Por exemplo, a calidade dos contidos vese afectada à hora de seren impartidos en lingua estranxeira. Ademais descóidanse algúns aspectos como a exactitude gramatical e o coidado da lingua xa que un dos principios do CLIL é priorizar a fluidez da comunicación.
Por iso me gustaría concluír que este enfoque me parece máis tentador incluído nun proxecto ou tarefa deste tipo.

jueves, 28 de diciembre de 2017

TEMA 6 (dosier): Edulingüe CLIL/AICLE


Introducimos este tema facendo un debate que permitise establecer as diferenzas entre as seccións bilingües e os centros plurilingües.

Concluímos que as primeiras se refiren a materias nas que un profesor imparte como mínimo o 50% dos contidos na lingua estranxeira. Nos centros plurilingües impártese o 100% da materia en lingua estranxeira (inglés) integrada na metodoloxía CLIL.


Despois fixemos unha lectura do documento do plan edulingüe e tratamos de analizalo por parellas destacando catro aspectos que chamasen a nosa atención tanto para ben como para mal. A visión global foi que os obxectivos deste plan non son realistas si temos en conta o prazo para alcanzalos : 2020

Logo comezamos a estudar as características da metodoloxía AICLE. Unha vez introducido o tema polo profesor Gonzalo, fixen unha exposición na que debía presentar unha análise dun proxecto AICLE nun centro de secundaria. A miña proposta foi un proxecto levado a cabo por dous centros de ensino secundario, un instituto francés e outro español. 

O proxecto titúlase “Mystères et enquêtes/ Misterios e investigacións” e foi premio nacional eTwinnig en 2016. 
Aquí vos deixo a presentación:


TEMA 5 (Diario): As Programacións didácticas


Como xa se indica no dosier de actividades o tema 5 é un novo achegamento ás programacións didácticas. O documento que empregamos para tratar o tema foi o Artigo 24 da resolución do DOG 144 do 15 de Xullo de 2016. As programacións didácticas son documentos elaborados polos departamentos dos centros onde se establecen acordos xerais sobre a ensinanza de cada materia. Serve como “instrumento de planificación curricular específico”e debe ter unha serie de elementos mínimos. Estudamos estes elementos a partir da observación das programacións didácticas do instituto Xesús Ferro Couselo (materia de francés) e logo tamén fixemos unha análise da programación da escola oficial de idiomas de Santiago de Compostela (materia de portugués).
À hora de describir à programación cómpre ter en conta as fontes do currículo co fin poder concretar e elaborar as distintas partes da mesma.

A base da programación didáctica podería atoparse na contextualización. Penso que é condición sine qua non à hora de elaborar a programación didáctica. Non todo é aplicable à hora de levar a cabo unha unidade didáctica e en certa media determina outros aspectos da programación. A cuestión de que me parece mais importante dentro da mesma? Non sabería que responder, por suposto estou de acordo ca opinión xeralizada e deu moito de si na clase da importancia da avaliación, tanto se é formativa ou inicial do mesmo xeito que me parece importante incluír metodoloxías atractivas e innovadoras, sen esquecer as medidas de atención à diversidade, etc. Supoño que por iso as programacións didácticas deben ter en conta tantos apartados e seren tan específicos, para que logo sexan útiles à hora da práctica.

martes, 26 de diciembre de 2017

TEMA 5 (dosier): Programacións didácticas



Comezamos o tema facendo un repaso sobre as distintas fases da programación e acto seguido fixemos un debate piramidal no que tiñamos que destacar os tres aspectos máis importantes dunha programación didáctica. En xeral, os máis populares foron os obxectivos, a metodoloxía e a avaliación.
Logo tamén se tratou a noción de PEC como o documento no que se enumeran os trazos do centro que determinarán a súa identidade.
Logo de mencionar as fontes da programación (didáctica, psicolóxica, sociolóxica e epistemolóxica) metémonos de cheo na análise das partes da programación didáctica. Para iso debiamos completar unha grella comprobando se os elementos mímimos estaban incluídos. Para iso analizamos unha programación didáctica do departamento de francés do instituto ourensán Xesús Ferro Couselo. Trátase dunha programación bastante completa malia que non incluía o “Deseño da avaliación inicial e medidas individuais ou colectivas que se podan adoptar como consecuencia dos seus resultados”. Este apartado trata un punto esencial, a avaliación inicial é o punto de partida à hora de ensinar sobre todo unha lingua estranxeira.
Despois tivemos a oportunidade de facer unha comparación cunha programación didáctica da EOI, concretamente da de Santiago de Compostela, do departamento de portugués. Chegamos á conclusión de que estaba moi completa e ben estruturada, ademais de incluír todos os apartados. A excepción do “As actividades culturais de promoción do idioma programadas polo departamento” que se poden consultar na páxina Web da EOI.



Tamén se nos presentou na clase unha ferramenta de avaliación, chamada idoceo

TEMA 4 (diario): O deseño curricular




Antes de entrares de cheo no tema do deseño curricular tratamos de recuperar o aprendido na materia homónima do módulo común, respondendo as cuestións de definición do currículo, elementos do mesmo e competencias clave.
Considerase que tendo en conta o “contexto” no que vivimos a competencia máis importante é aquela que nos permite cubrir a necesidade de adaptarnos aos cambios, é dicir, aprender a aprender. Tamén se fixo fincapé en relación con isto, a un dos elementos fundamentais do currículo , a avaliación. Máis concretamente a avaliación formativa xa que potencia a autonomía da aprendizaxe e tamén a responsabilidade no alumno. Dentro da avaliación formativa tamén se incluíu a avaliación por pares, o feito de que un igual avalíe o teu traballo de xeito construtivo nun intento de mellorar, aprender e compartir todo aquilo que funcione ben. En resumo, retroalimentación ou feedback.
Tamén se falou propiamente disto, aludindo ao refrán “cada maestrillo tiene su librillo” da necesidade de compartir por exemplo bancos de datos ou ben algo que seria moi obxectivo nas linguas estranxeiras , ser avaliado por outro profesor da mesma materia por exemplo en canto as destrezas orais. Persoalmente, vin esta modalidade en Francia por primeira vez no ensino público e pareceume máis xusta. Ademais de preparar ao alumnado para as probas externas de lingua que deben acreditar ao finalizaren o bacharelato, fomenta a colaboración entre profesores e a confianza entre os mesmos.
En canto á seguinte parte, a referente aos graos de concreción curricular, pareceume un acerto empregar a ferramenta do Kahoot!para introducilo. Pois en principio, sería un tema denso. Encantoume a aplicación, creo que nos podería ser moi útil para tamén introducir ou fixar contidos nun futuro.
A terceira parte do tema foi consistiu en elaborar un documento de Google de maneira colaborativa. Por grupos debiamos ir completando cada un dos puntos esenciais das linguas estranxeiras no currículo. O noso grupo encargábase dos apartados 5.5 e 5.6. É dicir, as linguas estranxeiras na organización e nas avaliacións do Bacharelato. Unha das vantaxes deste sistema é que o profesor pode ir corrixindo ou supervisando a media que o traballo se vai completando. Ademais cada grupo foi engadindo comentarios acerca do papel das linguas no curriculo. Logo da posta en común de todos os aspectos tratados nas diferentes etapas e réximes, abriuse un pequeno debate no que se trataron algunhas das carencias con respecto ao ensino de linguas do mesmo xeito que se foron avanzando algunhas posibles solucións a tratar nos temas seguintes como sería o caso da modalidade CLILL ou AICLE.

TEMA 4 (dosier): O deseño curricular


Este tema correspondese como o seu título indica ao deseño curricular. Para tratalo entregóusenos un guión cuxos apartados foron tratados de xeito diferente.
Os tres primeiros apartados: Que é o currículo? Cales son os seus elementos? As competencias clave? Foron tratados a modo de repaso dos contidos vistos na materia de deseño curricular.

A parte referente aos graos de concreción curricular foi introducida na clase a través da aplicación Kahoot!
Esta aplicación tan atractiva foi un éxito rotundo. A actividade consistiu en responder dende os nosos dispositivos móbiles a unha serie de preguntas elaboradas polo profesor con respecto à lexislación do currículo, de xeito que a través deste quiz fóronse situando as competencias e as referencias lexislativas na educación secundaria.


Para estudar as partes que tratan as linguas estranxeiras no curriculum da ESO bacharelato e Formación profesional elaboramos un documento en Google docs onde cada grupo de alumnos se encargou de tratar algún dos puntos dese guión, no meu grupo tratamos as linguas estranxeiras na organización e nas avaliacións do Bacharelato. Para iso, tiñamos que buscar a información en internet.




 Logo de rematar o texto. fixemos unha posta en común de todos e cada un dos puntos a tratar no guión, dando tamén o noso parecer acerca de cada un deles abrindo un pequeno espazo de debate.

viernes, 22 de diciembre de 2017

TEMA 3: Traballo por proxectos


A aprendizaxe baseada en proxectos é unha metodoloxía moi completa, permite traballar múltiples competencias ao mesmo tempo e ademais permite converxer coa modalidade AICLE. As vantaxes de Traballar ABP favorece o traballo colaborativo e tamén a atención á diversidade. Posibilita ademais as estratexias de andamiaxe, facendo que o profesor sexa un guía dentro do proxecto e non un simple transmisor de coñecementos. Ademais tamén favorece a colaboración entre docentes o que implica a consecución de proxectos interdisciplinares.
O proxecto que vou a desenvolver estaría baseado na unidade 7 do método Pas Pareil 1 de Oxford (2000, pp. 88-89). Dita unidade titulase “Séjour en France”. A primeira actividade de lectura ou comprensión oral é unha guía práctica para pasar unha estadía en Francia. O proxecto sería que a clase (neste caso para primeiro de bacharelato) o deseño dunha guía práctica dunha cidade francófona.
Despois de repasar o vocabulario a través da lectura e a comprensión oral, propónselle à clase a idea de elaboraren unha guía practica nunha cidade francófoca que eles mesmos poden elixir. A tarefa desenvolverase en 3 sesións. Na primeira formaranse os grupos para buscar información útil sobre temas concretos para organizar a estadía (horarios, servizos, transportes, lecer). Na segunda sesión deberán organizar a información e completala con imaxes, mapas e elaborarán un pequeno tríptico online coa información que desexen incluír. Na terceira sesión deberán, por parellas, construír un diálogo a modo de xogo de rol onde podan presentar grazas ao tríptico a cidade que elixan. Eloxirase ao chou que tipo de tema de tratarán dentro dos que xa traballaron para realizar a tarefa e éste será o centro do súa conversa- Por exemplo, una persoa que pide unha dirección, unha recomendación,axuda por unha avaría.
O rol do profesor sería o de guía, estará pendente da información a buscar en internet e tamén do coidado da expresión escrita e oral. Proporcionará pequenas pistas cando os alumnos se atopen bloqueados e estará disposto a incluír novas propostas por parte do alumnado que podan mellorar a tarefa.

En canto á avaliación, deberíase facer unha diagnóstica para ver se o alumnado precisa máis vocabulario antes de realizar a tarefa podendo dar pé a outras actividades de toma de contacto. En principio, é un vocabulario coñecido para eles, pero tal vez sexa necesario profundizar antes de realizar a tarefa. En cando á avaliación da propia tarefa, basearase na observación do traballo en clase, valorarase positivamente a participación e a implicación. Para a parte do xogo de rol empregaremos unha rúbrica para valorar diversos aspectos como a corrección sintáctica, a pronunciación e a capacidade de transmitir os contidos con certa naturalidade.

Traballar neste pequeno proxecto permitiría aos alumnados coñecer e empregar de xeito máis realista o vocabulario do temario. Axudaríao a aprender a interpretar este tipo de guías en calquera contexto. Ademais a aprendizaxe baseada en proxectos favorece a motivación e a participación.
Cada vez se impulsan máis este tipo de traballos pois permiten traballar múltiples competencias á vez,crean un ambiente na aula máis positivo e cando os proxectos son exitosos é grazas implicación de todos o membros.Penso que ademais favorece a creatividade e a integración dentro do grupo.

Referencias:
Bourdais, D. Carteret, D. Finnie, S. Luna, C. Gordon, L. Vázquez, E. (2000), Pas pareil,Vizcaya ( Oxford University Press), pp. 88-90

jueves, 21 de diciembre de 2017

TEMA 2: As problemáticas do ensino de linguas estranxeiras


Un dos problemas fundamentais expostos na clase é o que ten que ver é o tempo que require acadar un determinado nivel, como acadar os obxectivos lingüísticos para 2020 en función dos niveis de lingua esixidos? Parece ser que se revisamos as horas precisas para acadar un determinado nivel, o tempo xoga na nosa contra en tanto que docentes. Hai que ter en conta outros factores que poden resultar dificultosos à hora de acadar ditos obxectivos. En global podemos falar das dificultades económicas e sociais de certos contextos, na necesidade de adaptación ao esixente mercado laboral, da urxencia de incluír novos métodos máis motivadores para o alumnado. E logo tamén da necesidade de ter en conta as posibles dificultades puntuais que deben satisfeitas en todo momento.
Posiblemente sexa difícil escoller unha única problemática, pois todas están interrelacionadas. A falta de motivación poder ter que ver coas metodoloxías de ensino, ésta à súa vez pode ter que ver co número de horas lectivas da lingua estranxeira ou ca falta de recursos. Isto à súa vez co contexto do centro, etc. Coido que unha principais puntos a ter en conta é a situación económica tanto do contexto como familiar. Por suposto a educación ten como obxectivo entre outras moitas cousas axudar a paliar as diferenzas sociais e económicas, fomentar a paz social e a integración dentro do contexto europeo. Atopámonos con que a inversión en linguas( que mellor xeito de integrarse que falando?), a dotación de recursos, os programas de mobilidade, as novas tecnoloxías son fundamentais no achegamento aos obxectivos 2020.

 O problema está en que todos estes recursos que teñen un grande valor económico sexan empregados de xeito adecuado.É a partir deste momento temos que falar da avaliación do sistema educativo para ver si a inversión é suficiente ou non, ou tamén si os problemas que acarrean as dificultades no ensino-aprendizaxe de linguas teñen que ver coa dimensión económica da que estamos a falar ou cómpre cambiar as metodoloxías de ensino ou prestar máis atención a outros factores. Ademais dende a crise económica en Europa, falouse moito dos recortes en educación e tamén da mobilidade, da necesidade de abrir novos horizontes laborais, o cal pode dar a sensación de ter que nos vemos obrigados a ter que conseguir uns obxectivos máis elevados con menos recursos.A isto hai que engadir as avaliacións que propón a LOMCE,que aínda que son o xeito máis inmediato de determinar si o sistema funciona, non está libre de controversia.

Como posibles solucións, por exemplo, as propostas de aprendizaxe baseada en proxectos empregando a lingua estranxeira pode achegar ao alumnado ás novas esixencias do mercado laboral, axudándolles a darlle a lingua estranxeira un uso mais practico mentres que traballan múltiples competencias. Ao mesmo tempo permitiría fomentar a creación de grupos de traballo e fomentar o emprego das TIC. Por suposto o emprego das novas tecnoloxías implica tamén a dispoñibilidade de recursos económicos. Eu quixera mencionar tamén a dispoñibilidade de recursos humanos. Na miña opinión o perfil de alumnado que se valora máis é aquel que sabe comunicarse e para iso é fundamental dar importancia as competencias orais, que para nós, neste caso refírome ao alumnado español sigue sendo o que máis botamos en falta. Ao que pretendo chegar é ao feito de que para fomentar esas competencias sería ideal poder traballar con grupos reducidos onde cada alumno tivese o tempo necesario para traballar esas habilidades. Pois paréceme imposible traballar as competencias orais con grupos moi numerosos. Débense favorecer ademais, estratexias que permitan a interacción interpersoal para chegar a conseguir unha atmosfera plurilingüe.

TEMA 1. O MCERL e o seu contexto



Partimos na clase dunha pequena análise da situación europea actual. Compre concretar o contexto político, social e económico para entender porque chegamos a conclusión da necesidade de favorecer un contexto multilingüe.
Coa extensión dun mercado común europea e a creación de proxectos comúns comezou a darse importancia ao estudo de linguas estranxeiras, una situación de continua mobilidade, por diferentes razóns laborais, formativas, colaborativas favorece tanto o interese polas linguas estranxeiras como a motivación para a súa aprendizaxe. O protagonismo fundamental lévao a lingua inglesa, aínda que a media que pasa o tempo o coñecemento de segundas e terceiras linguas vai adquirindo cada vez máis relevancia. Isto ten que ver co feito de que un panorama multilingüe non ten que ver coa suma das linguas aprendidas senón que vai máis alá, . De todos é ben sabido que a aprendizaxe dunha lingua favorece o coñecemento de novas linguas aínda que o nivel de competencias sexa inferior ou diferente en función do propio contexto persoal.
En canto ás políticas lingüísticas, cómpre ter en conta dous enfoques con respecto ao multilingüísmo que define o contexto actual europeo, a primeira ten que ver coa aprendizaxe de linguas neste contexto e por outra banda a necesidade de impulsar e protexer a diversidade lingüística en Europa.
Unha vez que temos en conta esta diversidade contextual,podemos centrarnos na aprendizaxe de linguas. Paréceme importante ter en conta esta situación pois coido que leva implícito a apertura de miras de cara a aprendizaxe de novas linguas. Tendo en conta que o contexto sociolingüístico español é un bo exemplo desta diversidade, pois un 40% da poboación vive en contacto con unha lingua franca e máis una lingua minoritaria.
O marco común europeo de referencia establece en seis niveis de lingua divididos en tres bloques A, B, C, no que se delimitan as competencias que se deben adquirir para a certificación de cada nivel. Isto implica por outra banda, a necesidade de adaptar a tanto a aprendizaxe como os recursos empregados para a a mesma a cada un destes niveis. Un elemento que complementa ao MCERL é o Portfolio, un documento persoal que serve como instrumento de reflexión e autoavaliación da adquisición das linguas. Ao que ademais se suma o factor de enriquecemento cultural. Polo tanto a visión que aporta ao multilingüísmo non é só de carácter pragmático senón tamén enriquecedor dende o punto de vista cultural e de creación da identidade europea.
Quixera destacar o seu éxito, é todo un referente non só no sistema educativo senón tamén no laboral. Ninguén redacta xa o seu curriculum vitae sen ter en conta o cadro de referencia para as linguas. É dicir, a unificación dos niveis de competencias para todas as linguas europeas é unha referencia, mesmo como foi comentado na clase, outros contextos lingüísticos mundiais como o latinoamericano ou mesmo en Ásia pretenden adoptar este mesmo sistema de Niveis de competencias lingüísticas o cal pón de manifesto que este sistema é unha ferramenta útil tanto para definir os obxectivos de aprendizaxe coma para a avaliación da mesma. Pois non se trata soamente de ter en conta cales son as destrezas lingüísticas á adquirir senón o feito de que a súa avaliación sexa tamén un referente a nivel europeo é un xeito de equiparar estas competencias entre os sistemas educativos dos estados membros.
Como conclusión, creo que este novo contexto favorece una nova concepción da aprendizaxe de linguas.Este primeiro contacto coa actual situación europea e co tamén co marco de referencia parece un bo punto de partida para o ensino de linguas cada vez máis concreto e cuns obxectivos máis claros. A grande tarefa reside agora no cómo, sobre todo no contexto nacional, refírome à presa que leva integrar os obxectivos plantexados à hora de acadar un nivel específico de lingua na realidade educativa española cunha meta concreta e cunha concreta: 2020. 

Referencias: Comajoan, L.(2010),La enseñanza de lenguas en España y el reto del multilingúísmo europeo, Hispania,Vol. 93, Nº1,pp 123-129 

lunes, 18 de diciembre de 2017


Benvid@s!! Empregarei este blog para as actividades da materia de "As linguas extranxeiras no contexto español e internacional"